lunes, 17 de junio de 2013

Segundo día: IMPRESIONANTE


Esa é a frase máis repetida: "Profe, o de hoxe foi impresionante". 
Non sabemos moi ben como ocurriu, (bueno, si sabemos: grazas á profesionalidade dos nosos anfitrións do albergue la Hermida) pero un día que amaneceu cerrado e chuvioso, tras unha noite de case diluvio, converteuse nunha sucesión de momentos inolvidables. 

Que pechado estaba pola mañá! E como choveu pola noite! E eras eran malas novas, pois tiñamos programada a visita a Fuente Dé (no teleférico) e a tarde de multiaventura. 

Subimos no bus con bo espíritu, armados de chuvasqueiros e paraugas, pero en seguida nos 'desinflamos' cando chegamos a Fuente Dé despois de case unha hora de camiño: o teleférico NON FUNCIONABA!! E non pola chuvia. A luz marchara en todo o val, e non sabían cando ía volver!!

Armámonos de paciencia e agardamos, pois tiñamos tempo. A nosa monitora Marta púxose en marcha e, de seguido nos preparou unha alternativa: coñecer o museo 'LA CASA DEL OSO'. Situado a poucos metros do teleférico, no parador nacional de Fuente Dé. 
Non estaba prevista na nosa ruta, pero puidemos disfrutar do museo gratuitamente. Foi unha visita fantástica, moi amena e ben explicada. Non é difícil collerlles cariño a uns animais simpatiquísimos, que tolean pola mel e suben ás cerdeiras para fartarse de cereixas. 



Cando estabamos rematando a visita despois de ver nunha oseira case real en tres dimensións, como hibernan os osos, recibimos a mellor das novas: XA VIÑERA A LUZ EN FUENTE DÉ.

Algún comentou que era mellor que marchara outra vez a luz para non ter que subir nesa caixa rara chamada teleférico (non teleSférico, claro). Pero todos superamos os nosos medos e completamos con éxito a viaxe de ida e volta ao ceo. As nubes quedaron abaixo mentres nós ascendiamos 800 metros, suxeitos só por un cable anclado nos Picos de Europa.
As vistas desde arriba, a pesares da néboa eran impresionantes. 






Proba superada
Pero aínda quedaba o mellor: despois de facer unha foto no mirador do teleférico volvemos a vista e alí estaban: OS NEVEROS, acumulacións de neve que resistiron a chegada da primavera. E aí foi cando toleamos... Ala! A correr e a tirar bolas (que doían, por certo, porque non eran de neve en polvo, senón case de xeo). 











A espera para que volvese a luz pagou a pena, foi divertidísimo.

Tras unha breve parada na tenda de recordos, marchamos á vila de Potes, preciosa e con moito turista. Alí tamén demos unha volta polas tendas e vimos a torre do Infantado, onde hai unha exposición sobre o Beato de Liébana, aínda que non entramos.


En Potes puidemos comprobar que é verdade que é unha vila con microclima: facía calor e ata algo de sol.
Voltamos ao albergue a tempo para comer macarróns con carne e albóndigas con patacas. Estade tranquilos que non pasamos fame. É todo comida caseira e está tendo bastante éxito.




Este é o noso hospedaxe visto desde o outro lado do río. Estamos rodeados de montañas. É un paraxe impresionante.  

A tarde reservábanos máis sorpresas. O tempo calmou, cambiamos os calcetíns por se se mollaran na neve, e puidemos deixar o impermeable no albergue.

Comezamos coa multiaventura. Das actividades que tiñamos programadas só puidemos facer tres: rapel, rocódromo e tiro con arco. As outras non puideron ser, porque a chuvia da mañá o impedía. Non se nos deu nada mal:











Pero o cambio pagou a pena, sorpresa total: TODO O MUNDO AO BALNEARIO! Está a 5 minutos camiñando do hotel. Estaba cheo de turistas pero fixéronos un oco e alá fomos. Unha piscinaza para nós sós con chorros por aquí e por alá. Ate tiña unha saída a unha piscina natural onde cae a auga termal directamente da roca. Eso tedes que velo! Un espectáculo.

 
Á entrada do Balneario La Hermida.

Hora e cuarto estivemos en remollo. Voltamos ao hotel, ceamos e continuamos coa festa. Aquí non hai tregua: xogos no parque do albergue e velada nocturna cun xogo de pistas con lanternas e todo. Dentro dun anaco, para a cama, que mañá tocan Cabárceno e Altamira e hai que estar fresco.

Saúdos a todos e todas. Non nos da moito tempo a botarvos de menos, pero non porque non vos queiramos: e que aquí non se para!!
Ata mañá!

2 comentarios:

  1. moitas gracias por esta fermosa reportaxe xa vemos que o pasaron en grande nunca mais esquecerán esta curta pero divertida e lúdica viaxe as fotos falan por si soas de que malia o tempo estes mestres souberon reaccionar e buscar alternativa para que os nenos non tivesen nin un minuto de aburrimento sodes xeniais

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas, Jose. A verdade é que con estes nenos e nenas da gusto!!

    ResponderEliminar